Esta vivenda, parece corresponder a unha ocupación anterior, que logo foi arrasada para a construción da grande, quedando como elemento auxiliar da mesma, mediante a colocación de postes, paredes de pallabarro e teito vexetal. Localizouse ademais unha terceira estrutura, que puidera resultar outro tipo de vivenda ou unha construción auxiliar (galpón, alpendre ou almacén), con solo laxado de pedra e paredes e teito vexetal, soportado como mínimo por nove postes de madeira.
De momento, localizáronse polo menos 3 niveis de ocupación asociados á muralla, un deles con dous buratos de poste, que se interpretan como reparacións dunha zona habitacional construída con material perecedoiro e asociada á primeira casa circular atopada, con materiais do cambio de era.
Por enriba do derrubamento, e asociado ao material que semella da época máis tardía, probablemente de orixe romana, con múltiples e variadas pezas que parecen corresponder aos séculos IV e V despois de Cristo, o que estendería o período de ocupación ou reocupación do castro a preto dun milenio (do século V a. de C. ao século IV d. de C. Atopouse un nivel de uso cortando o recheo da muralla e asentándoo. Posiblemente se trate dunha estrutura de material perecedoiro xa que non foi localizado derrubamento significativo, mais grazas a este achado podería chegar a constatarse unha reocupación más tardía do castro de Doade.
Púidose documentar un nivel de chan de uso romano, con materiais do cambio de era. Enriba deste nivel de chan, atopouse o derrubamento da muralla e os cimentos do contraforte, mellor conservados ca na sondaxe do lado oeste, xa que aínda se conserva unha liña de muro visible.
Estas estruturas, logo de ser escavadas, foron consolidadas na súa totalidade, e unha vez sinalizadas debidamente, permanecen abertas a visitas na coroa do Castro de Doade, de xeito libre e gratuíto para o público en xeral, sendo unha absoluta prioridade para as visitas guiadas dos colexios que se achegan ó Museo.
Non son as vivendas, as estruturas nin os restos dun castro calquera; son os do noso Castro, que teñen para nós un especial valor engadido, por tratarse de testemuñas da pegada dos nosos antepasados, demostrando con probas irrefutables que pasaron por aquí fai dous mil cincocentos anos, e que tamén nós pasamos agora acordándonos deles, tributándolles a máis alta das homenaxes. As actuacións realizadas no Castro enriquecen dun xeito extraordinario, apórtandolle gran valor ó noso continuo traballo encamiñado o alto fin de recuperar e dar a coñecer a historia e a cultura da parroquia de Doade.