Ao redor do castro de Doade, coma en todos os castros, existen numerosas lendas que fan referencia a tesouros agochados por mouros e mouras, aos seus tratos ou acordos cos veciños, que a xente incumpría case sempre e as consecuencias que tiña esta falla de lealdade, que podemos interpretar como unha verdadeira ensinanza.


Numerosas lendas relacionadas coa nosa Aurela do Castro:

Hai unha viga de ouro e outra de alcatrán, que van xuntas baixo terra, dende a Aurela do Castro ata a detrás da fonte de Barreiro (entre O Penedo e Doade). Se picas na viga de ouro, serás inmensamente rico, pero se o fas na de alcatrán, prenderá lume nela e morrerás queimado. Así que, procura acertar!

Din que hai unha viga subterránea de ouro que se estende dende a Aurela do Castro ata o lugar de Penelas, que conta cunha soa vivenda, a uns 300 metros do castro de Doade.

Tamén hai unha mina de ouro. Alí estiveron os buscadores hai tempo e levaron sete mulas cargadas de ouro, facéndose todos ricos para sempre.

Un señor que foi facer a mili a África atopou un mouro que lle contou que no lugar de Catesende (chámase así unha paraxe situada moi preto do lugar de San Pedro de Doade) deixou soterrado un cinto cheo de ouro, que atopara nunha pena que hai na Aurela do Castro.

No castro de Doade hai dous pasadizos subterráneos: un dende o castro ata o río Asneiro, que usaban os mouros para ir buscar auga, e outro dende este castro ata o de Ludeiro-Vilatuxe, a través do cal se comunicaban entre si os habitantes destes dous castros veciños.

No castro de Doade había varios buracos feitos de “moi vello”, polos que entraban e saían os mouros. As persoas maiores asustaban os nenos, dicíndolles que os ían a meter nos buracos dos mouros e quedarían prisioneiros para sempre.

Debaixo do castro había casas e os mouros saían delas pola noite, para que non os viran os veciños e non puidesen descubrir os seus poderes máxicos.
Lendas, mitos e vivencias do noso castro.

Outra lenda asegura: “Na coroa deste castro, na leira do Campo Grande, os caseiros da Casa do Campo (Doade), cando araban a terra, atoparon unha trandeira de ouro. Vendérona e, cos cartos que lle deu compraron unha propiedade moi grande no Ribeiro (Ourense) e xa foron homes libres, non traballando nunca máis para os seus antigos amos”.

Lenda común a outros castros da zona: “Cada 25 anos, ao amencer do día de San Xoán, aparece unha moura, seguida dun galiña cunha niñada de pitos de ouro baixando do castro cara ao río. Cando a xente intenta coller os pitos, estes desaparecen misteriosamente, como se non fosen reais”.

Pero a lenda máis singular e específica do castro de Doade é a da Cova dos Mouros situada na parroquia limítrofe de Soutologo, preto do río Asneiro.
Cóntase que, cando foron expulsados da Aurela do Castro, os mouros viviron escondidos durante anos na Cova dos Mouros, en Soutolongo de Abaixo, preto do río Asneiro. Así o testemuñou un veciño de Soutolongo que lles levaba de comer canto podía, no máis absoluto dos segredos.

Pasado un tempo, e como sinal de agradecemento e recompensa, doáronlle un abraiante vestido para a súa muller, pedíndolle, como facían sempre, que non o contase a ninguén.

Transcorridos varios días, a muller non resistiu a tentación e probou o agasallo, mostrándolles aos veciños o precioso que era e o ben que lle sentaba aquel luxosísimo traxe. De súpeto, prendeu lume nel, ardendo por completo, sen deixar rastro. A muller morreu, o seu home quedou viúvo e os mouros tiveron que fuxir, esta vez por sempre.