Para que os visitantes do castro, poidan gozar da inmesa riqueza paisaxística e medioambiental que o rodea, o museo etnográfico Casa do Patrón acaba de deseñar, sinalizar e homologar, co compromiso da súa limpeza e mantemento durante os vindeiros anos, a ruta circular de sendeirismo “o castro de Doade”, complemento imprescindible para servir de cordón umbilical ao lugar de Codeseda, ao castro deDoade, ao museo Casa do Patrón, ao parque natural biosaudable dos Muíños, cun ramal de enlace coa Vía da Prata ou Camiño Meridional de Santiago, que transcorre a menos de tres quilómetros da nosa sede, cunha afluencia de máis de 9.000 peregrinos anuais.
Trátase dunha ruta circular duns 14,5 km. de lonxitude e unha duración estimada de catro horas, posúe tres derivacións que a unen co castro de Doade, coa Ruta da Prata ou Camiño Meridional de Santiago e co carballo monumental de Soutolongo, tendo o seu punto de inicio e fin no museo Casa do Patrón, por estar dotado da infraestrutura axeitada: amplo aparcadoiro de coches, servizos de cafetería, restaurante, baños, sala de vídeo, exposicións etc., necesarios e suficientes para cubrir as necesidades dos camiñantes.
Esta ruta está rexistrada pola Federación Galega de Montañismo co número PR-G210, e é a segunda ruta homologada do noso concello. Conta con gran cantidade de puntos de interese ao seu paso, que relacionamos a continuación de xeito enunciativo non excluinte: arranca do museo Casa do Patrón, de Codeseda, que constitúe o seu punto de inicio e fin, baixando entre extensas carballeiras e soutos ata o río Asneiro á altura do lugar dos Muíños, pasando antes pola contorna natural biosaudable de Entre Ríos que, ademais dos dous muíños restaurados da Ponte e Entre os Ríos, posúe mesas e bancos de pedra e madeira, con aparcadoiro propio e zonas de sol e sombra baixo as súas numerosas árbores para lecer e gozo dos visitantes.
Continúa bordeando a marxe esquerda do curso medio do río, que conta con varias “tostas” que abastecen de auga os muíños de Amancio, Mouriscade e Benito, todos eles visibles dende a propia ruta, pasando xunto á vella ponte de pedra que cruza o río fronte ao complexo turístico de Mouriscade, composto pola área recreativa, muíño con alpendre, o albergue xuvenil Vicente Agulló e o Club de Hípica Juan Oliveira.
Segue desviándose do río, ascendendo ata as proximidades do lugar de San Pedro, coa Igrexa, cruceiro, fonte de pedra e castiñeiro centenario, continuando por entre multitude de árbores ata o río Lebozán, que cruzamos pola ponte de Sampaio, sita a menos de 1 km. do castro de Ludeiro-Vilatuxe, levándonos ao lugar de Carracedo, onde se sitúa a Casona de Piñón.
Cruzamos a pista de Doade, baixando de novo ata o río Asneiro, tomando unha derivación de 150 m. para visitar o carballo monumental de Soutolongo, árbore senlleira que conta coa maior copa de Galicia, de máis de 22 m. de diámetro, e o muíño de Espinosa, atravesamos de novo o río por outra “pontella de pedra”, esta vez a de Espinosa, subindo ata o vello camiño de ferro, que atravesamos no pontón soterrado de Santomé, lugar que atravesamos, subindo entre fragas, soutos, piñeiros e ringleiras de acivros ata o castro de Vilanova, que bordeamos á altura do lugar da Canda, punto do que parte outra derivación que une a ruta coa Vía da Prata, que transcorre a 150 m., sendo visible ao seu paso dende o propio sendeiro.
Baixamos, rodeando A Canda, cunhas fermosísimas vistas, atravesamos Vilanova de Arriba, ata chegar ao lugar do Cruceiro, no que podemos contemplar a restaurada igrexa románica de Vilanova, o cruceiro de pedra, así como a Casona do Ferreiro.
Continuamos baixando, cruzando de novo o vello FFCC por outro pontón soterrado, cara á zona da Rexidoira, subindo ata o lugar de Costoia (neste punto podemos escoller unha variante que atallaría 2 km. de percorrido, collendo directamente a subida a Codeseda, facendo así un percorrido de 12,5 km.), atravesando outra vez a vella vía do tren, esta vez por un pontón elevado sobre ela, pasando por debaixo da ponte do AVE, e baixando por outro paso elevado ata chegar de novo ao río Asneiro, que cruzamos, visitando o muíño de Froiz, cunha preciosa contorna moi ben recuperada, pasando polo punto de xuntanza dos ríos Asneiro e Abeleda.
Seguindo a corrente das súas augas pola marxe esquerda, comezamos a subida cara a Codeseda, pasando antes pola Fonte da Costa, a Pía da Cal, ata chegar á coroa do castro de Doade, á que accederemos mediante unha derivación de 400 m. de longo, continuando finalmente a baixada ao lugar de Codeseda, que atravesamos lonxitudinalmente, pasando por diante dos tres edificios do museo Casa do Patrón, que xunto coas Casas da Cruz, a Pía da Cal, a fonte da Costa e o forno de Riazón, forman o gran conxunto etnográfico, natural e castrexo de Codeseda, rematando no punto de partida deste orixinal sendeiro, moi representativo das paisaxes do alto Deza e, polo tanto, do interior de Galicia.
Como non pode ser doutro xeito, por tratarse dunha ruta circular, tamén podemos realizar o percorrido no sentido inverso ao aquí descrito.